Friday 26 de April de 2024

Toca calza-las zapatillas deportivas no 28 de agosto coa XIII Carreira Popular Concello da Pobra do Caramiñal


O 28 de agosto é unha data para marcar na axenda dos corredores e corredoras, pois terá lugar a décimo terceira edición da Carreira Popular Concello da Pobra do Caramiñal que pertence ao V Circuíto de Carreiras Populares Barbanza Arousa 4 carreiras, 1 meta e ao VIII Circuíto Provincial de Carreiras Populares da Deputación da Coruña.

Asistiron á presentación, no nome dalgunha das entidades organizadoras, a concelleira dos Deportes, Genoveva Hermo (Nós Pobra); a técnica municipal desta área, Ana Romero; e o presidente da Asociación de Atletismo e Deportes do Barbanza, José Moure.

Búscase así promociona-la actividade física nos distintos rangos de idade ao tempo que se practica deporte ao aire libre, nesta ocasión, polo núcleo urbano co mar como acompañante durante todo o traxecto. No que respecta á participación, agárdase que esta convocatoria iguale ou incluso supere a cifra de anteriores anos.

Poderán asistir tanto atletas federados/as en atletismo coma non federados/as e abrangue as categorías dende a sub-6 ata a máster 4, ademais de dispor da modalidade Sapatilla Inclusiva. Estarán baixo o control técnico do Comité de Xuíces da Federación Galega de Atletismo.

As saídas efectuaranse dende a rúa Fernández Albor, das 10.45 horas en diante, e a meta situarase no interior da praza Alcalde Segundo Durán, onde se procederá coa entrega de premios a partir das 13.30 horas. Outorgaranse trofeos ós/ás tres primeiros/as clasificados/as por categoría, premios en metálico e agasallos ós/ás cinco primeiros/as clasificados/as da xeral, camiseta técnica para os/as participantes na proba absoluta e medallas para a sub-6 e sub-8.

O prazo para anotarse permanecerá aberto ata as 14.00 horas do 25 de agosto mediante a páxina web www.emesports.es. A inscrición será gratuíta da sub-6 á sub-16 e na Sapatilla Inclusiva; mentres que o importe estipúlase nos 6 euros dende a sub-18 en diante.

Contarase coa colaboración da Protección Civil e cumprirase o protocolo FISICOVID-DXTGALEGO.